UNHA ORACIÓN

crerei no que ninguén creu

EN MIN
SEN MIN
NO MEU REFLEXO
crerei nos paseos
nas conversas que perdín falando coa miña sombra

crerei nos cantos planos do río
nas contradicións
nos delirios que cercan a cordura

crerei no que ninguén creu
en deusas fermosas e xustas
na bondade dos cambiantes

crerei que os papeis cortan polo canto
e que o sol apodrece a pel
se incide sobre ela de forma agresiva

crerei nos que cantan cumbia
nos que bailan tangos
nos que asubían jotas

crerei nas vellas máis listas
as primeiras da carnicería

de seguro que é pola proximidade física
polo lazo que as une coas pezas que van mercar
ou porque sempre foron así
ou todas chúpanlle a calva ao carniceiro


comezarei a crer nas alternativas
nas opcións máis insólitas
tamén na resurrección
e no ceo

claro
por suposto


crerei nos lenzos abstractos
nese debuxo indeleble feito no teito
na cúpula do meu senso aberto
nos remuíños da memoria

pasta fría
frango a brasa
ríos puros
carros de luxo
tendas de moda
turismo
sorrisos políticos
rede
copas
o murmurio das igrexas
documentos de identidade
papel hixiénico


soidade nos bancos
e farois ardendo

eu deitado no centro da praza
rezando un credo que non crerei
e así
enganado
xiro pra o outro lado da cama
arrastrando as sabas tinguidas

agora durmirei
orarei mellor na vixilia

boas noites!

3 comentarios:

rosa enriquez disse...

Eu tamén crerei en todas esas cousas.Sobre todo nas señoras listas da carnicería, nas opcións máis insólitas "na cúpula do meu senso aberto/ nos remuíños da memoria".
A memoria é un constructo persoal sen ela ímos a deriva. Somo o que lembramos. Bicos grandes

Son Unha Xoaniña disse...

Eu vou aprender este novo credo teu, para rezalo cando a miña incredulidade latente amose a súa cara máis incrédula
Un saudiño.

Raposo disse...

Moi bo e fermoso. O das primeiras da carnicería merecerían un estudio aparte.