AS BISAGRAS PINTÁRONAS DE VERDE

achégate
agárrame por onde poidas

cólleme polos pes
polas mans
pola lingua

amasa o silencio
que hoxe posúeme
e convérteo en estrondo

agárdame
non fuxas

que hoxe son estreito
fraco
papel

e caio polas fendas abertas
desta cidade feita da nada

vou parar alí
onde colgaron as portas

si

as bisagras verdes

as portas brancas


co aire que ascende

achegándome o pomo quente
que agarro con forza

aperto desesperado a ilusión da porta
cando a miña man disólvese
e as verbas flúen
espallándose polo teito

as bisagras pintáronas de verde
e as portas colgaban do teito.

0 comentarios: