NA PEL DO RECORDO

camiñaba pola roda
percorrido cíclico
en xiro constante
ti no eixo
eu radiando interferencias no meu arco
sen frechas
sen corda que tense
sen pedras
sen intención sequera de usalo

fixen amigos imaxinarios
falei noites con cans e carrachos
e días enteiros calado
deitado na cornixa do meu peito
afundindo derrotas e recordos
entre a dor de cabeza da miña columna

Agarrei a pel do recordo e fixen con ela un paraugas
que esquecín no café da praza á que nunca vou.
Agora vexo aos nenos xogando,
lanzando paracaídas de plástico que fican no ceo,
nunca caen,
fican pegados na transparencia dunha substancia que descoñecen,
que todos descoñecemos...
igual é a pel do meu recordo,
do teu,
do voso,
a xelatina que cubre as nubes cando chove azucre.

1 comentarios:

Son Unha Xoaniña disse...

"...a xelatina que cobre as nubes cando chove" Coma hoxe, que está a chover mainiño todo o dia e as nuves teñen esa xelatina da que ti falas.
Este blog é todo él un poema.
un saúdo.