NO MEU POBO (continuación)

Lémbrome coma se fora hoxe daquel verán.
Os cables colgados daquelas xigantes grúas, tensados ata semellar unha liña férrea no ceo.
Todo o pobo ateigaba a praza, non collía unha agulla máis.
Eu estaba coa miña nai e a miña avoa e o meu redor estaban o To, o Xo e o Bisgo que sempre montaban cristo en tódalas festas ás que ían.
Os motoristas estaban alá arriba, case tocando o ceo; nós, o pobo, co pescozo roto, máis acostumados a ollar para as nosas pegadas, agardabamos a que dera comezo o espectáculo dende a terra...
Dende a entrada da praza chegaban berros agudos de terror, berros brancos e rotos. Un home coa súa moto ía comezar o seu particular espectáculo....
Levaba a peiteira de coiro ben amarrada cos seus pútridos dentes, o casco de penico, unhas luvas de la e no corpo unha turca Chinasky. Na súa man dereita levaba unha botella de augardente coa que chiscaba de cote aos que alí estaban.
Xa comezara o Cholas a montala, pensaba eu, que noxo lle tiña...non o podía ver diante...podía tragarse a botella enteira, tamén o vidro e a cortiza.
No centro da praza creouse unha elipse baleira de xente onde o Cholas circulaba a unha velocidade de inferno sen ter en conta os nenos, os vellos, sen ter en conta a nin dios, como era de costume, o Cholas estaba posuído, tiña o rostro desencaixado e os ollos fervíanlle alcohol e noxo.
Ollou para a rampla que ascendía ate os cables do ceo e sen dubidalo endereitou a moto ate a ribada de madeira e colleu velocidade...nun chisco xa estaba enriba, no ceo, cos brazos erguidos e bebendo, o puto rei do mundo...o pobo o miraba abraiado, aínda pasmados polo seu equilibrio ...certamente estaba posuído, pensaba eu.
El seguía a beber parte pola boca e parte polo seu corpo, o equilibrio o deixara exclusivamente para a moto e non para atinar co bico da botella na súa caverna de esterco. Rematouna e, coma non, lanzouna ao público-pobo que xa ía esgotando a súa paciencia...Foi neste punto cando ocorreu a primeira desgracia. A botella caeulle xusto enriba da cabeza do Bisgo que antes de esvaecerse berrou, recorrendo a súa voz tódolos recunchos da praza.
-Se hoxe non a palmas Cholas, vaite escondendo. !Fillo de puta!
O pobo comezou tamén a berrarlle dende a praza.
-!Baixa desgraciado!
-!Baixa se non queres que subamos e cortemos o cable!
-!Deixa de facelo animal!
-!Pensa nos teus fillos!
Pensa nos teus fillos...seguro que eles non están a pensar nel. De seguro que agárdanse o peor, polo coñecemento de causa, e tamén porque así o quererían, que desaparecera dunha vez por todas...
Pois alí seguía...facendo o monicreque, empapado, coma un pito ao forno, de augardente.
Despois de varios simulacros de caída volveu a coller o mando da súa moto disposto a pasearse pola corda frouxa. Acendeu un ducados cun misto de cociña e arrincou a moto. Inda botou un rato xogando con misto ate que a súa chama consumíase. Queimouse os dedos. Fixo movementos estraños, contorsionouse en formas imposibles e comezou a arder...si, o Cholas era unha bola de fogo.
O pobo na praza ficou pasmado.
Non sabemos como pero retomou a súa intención e comezou a desprazarse polo cable a gran velocidade e berrando coma un corvo vello envolvido en chamas ate que asfixiouse coa sua propia pira e caeu en picado no centro da praza facendo un ruído bastante desagradable (coma se caesen do ceo 40 ducias de ovos de avestruz metidas nun saco).
Coma para esquecelo.

0 comentarios: