NO MEU POBO (primeira parte)

“No meu pobo ruxiron un día as pólas das árbores máis verdes e sas, e agora estas xa non existen, so fica a saudade de sombra nos agonizantes días de verán e un cartel de letras acesas que enche de mosquitos esta noite...tódalas noites...”
Algún día, cando tiña menos anos, debuxei, malamente, un chorón que vivía xusto enfrónte ó meu rañaceos...o chorón de bágoas verdes, o chorón de pel retorcida e fermosa curva , o chorón que morreu asasinado polas mans analfabetas dun probe home convertido en asasino (vexetal)...o home que viaxaba na súa VESPINO con mampara escura, ollos tintos, dentes negros, viño rancio, mala hostia, escopeta, moitos fillos, moitas malleiras, mans calosas, roupa porca, poucos amigos, moitos inimigos, moitos días de esmorga en soidade, moitas viaxes no subconsciente de dúas rodas sen aire...moita política envelenada na súa roda...
Cando comezou a ruxir a motoserra eu andaba a xogar ás bolas, intentando que non me levantaran, como era de costume, a miña “chorrera” ou, mellor dito, que non me levantaran ningunha porque sempre chegaba a casa coa saqueta baleira e os ollos chorosos por perder tódalas miñas bolas, todo o meu universo frustrado.
Cheguei a casa arrastrando os meus petos baleiros de tesouros e senteime na cadeira branca do balcón...arrecendía ao lixeiro aroma dos xeranios e o polen dos piñeiros deixaba unha capa amarela no balaústre lacado, os meus ollos contemplaban todo isto tralo seu acuario salgado.
Non me decatara da morte do chorón.
Pola noite miña nai deume de cear leite con pan. Eran as nove da noite e mandoume, logo de rematar a cea, baixar o lixo, tirar o “polvo” como dicía a miña avoa.
Alí fun, dereitiño ao contedor que estaba xusto ao carón do chorón. O certo e que ía bastante ledo, coma se algo fose a ocorrerme, algo bo, era de supoñer, senón que ledicia máis parva.
Logo de abrir a tapa e tirar a bolsa, ollei que algo pasaba, que algo faltaba ó carón do contedor verde que sempre apestaba a merda.
Volvín a facela xogada...abrir-fechar, abrir-fechar...ata que dinme de conta do que pasaba...desaparecera o chorón..!!!me cago na merda!!!, !!!onde carallo estaba o chorón!!!
Cheguei a casa de moi mal humor, os meus nervios estaban a piques de estourar e incrustarse nas paredes, xa non moi limpas, da miña casa.
-Miña nai, Mamá...(xa chorando)...que carallo lle fixeron ao Chorón.
-!AI! meu filliño, creo que tiveron que cortalo por mor de que as raíces estaban a perforar os canos do saneamento...¿Sabes quen o cortou?...O Cholas, o da VESPINO...levaba unha turca...
-(...)
-Pero que che pasa, meu rei, por que estás así. Xa sei: perdiches tódalas bolas outra vez.
-Non mamá, non. Vou para cama.
Dende a miña habitación podía contemplar o oco baleiro que deixou o chorón. Estaba profundamente anoxado.
Rebusquei nos caixóns da miña mesa e atopei o seu debuxo.
Berrei, apaguei a luz, entrou a miña nai.
-¿Que foi neniño?.
-Nada Mamá, asusteime cunha sombra...
-Veña a durmir.
A miña Nai bicoume na fronte.
Acendín a luz e volvín a quedar abraiado. No meu debuxo non so aparecía o chorón...tamén se atopaba o VESPINO, moitas botellas de viño e colgado dunha póla e cunha corda ao pescozo estaba o Cholas, sorrindo con esa merda de beizos que non son nin beizos nin nada, dúas liñas paralelas que debuxan un ridículo sorriso, un xesto claro da súa condición, da súa escolla.

0 comentarios: