O TEMPO DOS SIN-TEMPO

Agardaba non ter que agardar, non presumir un retraso nesta última cita, agardaba non desesperarme, non rematar contando os cadros que forman cada plaqueta nen os cordóns de cada zapato, agardaba simplemente que chegase e nunca chegaba...
Logo eu ficaba esgotado diante do reflexo da miña ausencia...o meu peito comezaba a palpitar redobles e o sol caía sobre a miña cabeza coma a luz das farolas cae sobre os carros mollados. Convencinme de que tiña que camiñar, fuxir da miña estática espera e arraquei os pes do meu molde e camiñei en circulos sempre co mesmo percorrido, cada vez máis veloz, máis rápido, dentro das posibilidades aerodinámicas do meu corpo...logo o meu corpo foi taladro e perforei o pedestal da espera da miña propia demora, unha simbiose de vodka e xinebra que non levoume a ningures.
Permanecín enterrado, atorado na pétrea base da miña soidade e pola miña pel comezou a camiñar unha especie de xelatina agradable, semellaba que esta substancia tiña a intención de formar parte de todo o meu corpo...a substancia cubriume ata as unllas e creo que só podía mover a comisura dos beizos ata que tamén solidificáronse por completo e ficou en min un sorriso como de Gioconda (internada no centro psiquiátrico de estatuas formadas pola solidificación de substancias xelatinosas), unha media ledicia nesa expresión apática que xa antes contiña o meu rostro...creo que fiquei alí cravado no escuro recuncho que ninguén transita durante anos sen ollar nada máis cos restos da polución dun pobo afastado...
Un día unha nena pasou pola rúa correndo veloz, coa inercia da felicidade dos anos de xogo, e posouse diante de min con ollos de moucho noctámbulo e comezouse a rir, riuse durante horas, e da risa máis esperpéntica pasou ó pranto máis real, a súa tristeza tan repentina desoloume pero non podía actuar, vin como a herba que pisaba comezaba a desaparecer, a rúa ficou en silencio como rendindolle homenaxe ás súas bágoas...contemplei como a mesma substancia a cubría, quixen berrar pero a miña gorxa non tiña vida, tan so os meus ollos...xa non podía facer nada...dende aquel día fiquei cego ó carón da miña cativa compañeira...

0 comentarios: