SE SOUBERAN O QUE SINTO...

se souberan o que sinto...

o esterco do piso do cuarto
prosegue coa súa colección.
centos de latas de cervexa,
óxido, líquido espeso,
unha capa viscosa que pégase aos pes,
as sens rebentan contra as paredes...
todo isto macerado coa peste dos restos,
dos papeis manchados,
das cortiñas esquecidas na escuridade:
xa nada penetra a través delas,
so serven pra o apoio dun corpo mareado,
o peso as arrinca da vertical
e as engurra no chan pra sempre.

hostias,
golpes nas paredes,
a súa cabeza deformada
afunde o papel gretado ate chegar ao baño.
abre a billa,
abre a caverna,
comeza a mascar a auga negra e laranxa.
cuspe no chan a súa indiferenza.
mentres
os cativos
berran coma piscos.

teño a imaxe dos picos xuntos piando berros,
e fame,
moita fame
e tan só unha isca fraca que esvara do niño
partida en anacos,
triturada.

máis hostias.
no teito, no chan,
nas costas de quen lle pete.

o esterco do piso do cuarto
vai voar pola xanela...

nos poemas é doado

teño a ingravidez,
a forza,
as verbas que hanlle estourar na conciencia...
porque nos poemas é sinxelo.

O esterco do piso do cuarto
xace sobre a súa miseria
e vai chorar eternamente
a cálida infancia que nunca tivo.

Adeus.

0 comentarios: