CON ESA TEIMA NAS MANS INQUEDAS

Con esa teima nas mans inquedas
arranco o sexo das infindas moscas
e xogo con elas a facer montes.
Fodo coa noite:
penetro no seu silencio
querendo ser o ruído enxordecedor desa fábrica,
desa canteira máxica
que fai desaparecer montañas.
Agora estou sentado na cadeira da nada,
no oco que deixaron as túas nádegas de ninfa
e sinto a túa voz por debaixo da mesa,
emociónome
e tiro co café por riba dos poemas
que xa comezan a perder o sono,
pero non importa,
hoxe tampouco ían durmir.

Aparéceste espida,
perfecta,
es a colección da miña vida,
o meu corpo,
a miña pel lampa,
tan lisa que esvaro
e vou caer no teu núcleo,
na túa campá dourada
que tamén ten forma de flor aberta.

Un bico e perdo a consciencia,
coma antes,
antes de sentirte
miña mente escorregou pola faixa da tolemia
e quixo verte cando non existías.

Vou regresar ao conto das moscas
pra entreter esta distancia.
Vou sumilas no meu teatro
sendo elas a congoxa do neno
que agarda á nada pra coñecelo todo.

Algún día estarei aí...
onde os bolsos dos vagóns se pechen
trillando as mans teimosas dos que queren abrilos.
Nos teus brazos, pernas e beizos,
na curvatura da túa boca
suando xasmín no recordo de amarnos.

3 comentarios:

Son Unha Xoaniña disse...

Ai neno, como che me gusta ler o que escrebes!!!!!!!!
Por certo tamén me gusta este novo formato do blog.
un saudiño.
E vouche deixar a miña páxina, a ver que che parece.
http://www.bng-petin.org

mariademallou disse...

a min tamén me gusta muito a congoxa do neno que escribe.
saúdos!!

Anónimo disse...

Encantoume."e vou caer no teu núcleo/ na túa campá dourada" Precioso. Noraboa poeta. Sinto non terte visitado a semana pasada pero estiven pelín triste e non tiña moitas ganas de navegar. Porén agradezo a túa visita incondicional no meu blog. Un bico.
(valdeorosa-rosa)