AS VECES É MILLOR...

Busqueime polos ocos do soño que hoxe tiven
e só atopei escuridade.

Foi unha noite pesada...
esquecía o pensamento,
dábasme a man que sempre quixen
agarimando a pel
e o tempo conxelábase na rúa apagada
baixo os farois febles,
tépedos...
a luz facía o meu rostro intenso,
o teu era invisible.

Movinme en espasmos oníricos,
golpeei as paredes brandas coa cabeza
ata penetralas:
o meu corpo habitou na realidade da estancia suada,
a miña mente entre o algodón que envolvía o cerebro.

Achegueime ao cuarto espido
arrastrando os pes pola terra do corredor,
caían pingas do ceo aberto do edificio
e cando cheguei puiden ollarte...
perfecta,
flotando no centro da sala,
arrincabas absorta os pétalos debuxados no teito.

Fiquei alí escrutando os teus movementos,
respirando pola túa boca
o sabor doce dos teus beizos...



máis tarde fun peixe enlatado
no acuario que colgaba das túas cortinas


e xa non quixen seguir durmindo.

4 comentarios:

mariademallou disse...

espero que leamos pronto xuntos ;)gústame un montón o que escribes
...
e mil gracias pola acollida :) regalazo!

llll disse...

iso, o dito xa por maría. alegreime de ver a ro despois de tanto tempo. sentínme coma se nos deran pousada un par de anxos.

rosa enriquez disse...

Rifo, que estará a piques de visitarte, díxome que me pasara polo contasoños. Teño que facelo pero creo que ti tamén para contarnos un soño en verso¡¡¡ Gústame moito este poema TAMÉN. Un bico (rosa-valdeorosa)

Son Unha Xoaniña disse...

Pois este paréceme a min un soño precioso, vou a seguir chamándote poeta inda que ti creas que non o es.
un saudiño.