Aparecías branca no meu buraco...
deitada nunha cadeira espida
ocultando o tempo trala túa pel.
Ías mudando o rostro
coas noces secas do recordo
esquecendo o sabor da humidade,
esquecendo as follas baleiras (para min),
esquecendo a noite en que voaches.
Subín á cama para ollarte...
as pálpebras latexaban,
caían gotas dos teus dedos
que se agochaban nas xuntas da madeira...
fun tras elas.
Contorsionei o corpo,
adelgacei as pernas,
coleime polo ollo da madeira gretada...
soidade, silencio, morriña...
alí estaba entre a escuridade e a noite
sostendo a miña derrota con paos de videira,
buscando, entre a poeira, unha saída.
A pinga esvaeceuse
fíxose bafo no meu peito...
agora expiro o sabor amargo,
o seu xélido retorno
mentres repto polo chan (eternamente)
alén dos ollos das paredes.
0 comentarios:
Enviar um comentário