PENSAREI NAS MIÑAS COUSAS

sinto un sabor amargo neste día
que deixa no padal
un frío alento metálico

deben ser as puntas
o seu óxido
ou esa cara altiva que reflexa ira

por intres

iso é o malo da xenialidade
pónseche o rostro oblicuo e feo
arisco
seco
grave
enfermo
e todo o que pensas
é o pensamento do mundo
e goberna as nosas mentes
non?

eu nunca busquei o dominio
a superior fórmula de telo todo a salvo
baixo control

polas miñas mans escórrese o tempo
e tamén a vontade
así que nunca serei coma ti

respiro

tragareime o cuspe metal
que hoxe invade o bafo dos meus dentes
e seguirei a pensar no meu
nas miñas cousas

pensarei
por exemplo
que hoxe cando abra a porta
atopareite
pensarei
que o agarimo que ti dásme
vence ás puntas laranxas
e ao vertixe desta mañá incómoda

mellor non continúo
fecho a porta
sorrío
e esquézome da absoluta mente anubradora.

7 comentarios:

Torreira disse...

Remato eiqui despois de visitar a Rosa...parabens,fermosas verbas acongoxadas.Apertas

Anónimo disse...

mmmmm que dizer da sua poesia que nom se tenha dito já!

sublime... eu só som aprendiz de poeta e você umha realidade com futuro!

Son Unha Xoaniña disse...

...fecho a porta / sorrío / e esquézome da absoluta mente anubradora."
fas ven en esquecer a mente anubradora, pódeche impedir a visión de paisaxes humáns e dos outros tamén, inesquencibles.
saudiños.

Anónimo disse...

Ese "FRÍO ALENTO METÁLICO" é terríbel... Ás veces pola mañá, cando sentes que nadas nun baleiro abafante, por momentos parece que algo na boca racha ata facer sangue, para que cales, para que non digAS NADA... pero entón ti, alomenos tes alguén que , ao abrires a porta, pode botarche un cable e coa súa axuda vences as "puntas laranxas". Alégrome de ver a Torreira e o meu amigo , o Capitán Harvey, por aquí. Recibe un bico jrande. (valdeorosa-rosa)

Moralla disse...

Ola Neno.
Preséntome. Eu son moralla, unha blogoveciña. Gustoume este poema. Misturas a dureza do metal coa dozura da túa sensibilidade. Penso que non tes alento metálico, mais ben, garimosos e poéticamente limpo.
bicos para o NENO BRANCO :-)

rosa enriquez disse...

Vin por este recuncho de ledicias e congoxas para ler algo máis de ti,pero... aínda non colgaches nada. Esperarei entón. Vexo que Moralla tamén chegou a estas páxinas. Alégrome moito. A poesía sempre merece un anaco do noso tempo e se é doutra persoa aínda máis. É bo ler e aprender doutros tamices poéticos(valdeorosa-rosa)

neno disse...

Ola a tod@s!!!
Andiven de mudanzas e non tiven tempo nen conexión pra agradecer a vosa presenza neste blog.
Grazas a Rosa e Rifo que son incondicionais nas visitas e nos comentarios, a o meu querido Gustavo (aprendiz?, mais ben MESTRE diría eu) e a Moralla e Torreira (benvidas ao contradictorio mundo do neno congoxa)
Bicos e apertas.