"TRANQUILO SÓ SON COUSAS QUE PASAN"

O lintel caeu perforando o senso da terra.

............................................

Afaite o nó da túa gorxa plana,
lévate as mans á cabeza.
Cando o vexas coa boca chea de asfalto
cúspelle a túa fame nos ollos
porque el está morto,
os seus reflexos son nulos,
ti tes máis forza ca eles.

............................................


O límite do recuncho afastado
foi onde ti e máis eu afundimos.
Agora lévannos flores
auga, cemento e area negra
(estatuas erguidas coma eucaliptos
na indecencia de non pensar
e pensar polos demais).

Imos saltar, atados ás cabezas,
ao acantilado húmido,
ao esófago estriado,
teremos tantas noites que perderemos a conta
e caerá por el o sabor da lonxincua voz das sereas,
caerá por nós o eco envolvido en papel de agasallo.


...........................................

Crucei sen mirar
e leveime por diante as chapas dos nenos.
Chamáronme: filloputa.
Logo caín.
Pateáronme a cabeza,
arrancáronme as unllas coas súas navallas.
A crueldade causoume insomnio por anos
(isto saberíao despois).
Tragueime os radios oxidados da roda
coa terra cagada do parque...
Logo aínda chegaron máis
e máis grandes,
xigantes.
Eu xa só era unha bola,
un papel engurrado
que lanzaban ao aire
facendo o amago de collerme.
Ninguén recoñeceume despois da malleira...
Fixéronme un favor,
o mellor dos regalos.

1 comentarios:

Son Unha Xoaniña disse...

Neno, esto é desolador, mi madriña!fíxoseme un oco no estómago.
Tremendo, e moi bo, coma sempre.
un saudiño.